xoves, 3 de abril de 2014

Haberá pitiños xa?


Dende hai uns días, un brioso pai érguese polas mañás moi cedo, e canta baixo a nosa ventá. Marca os seus dominios este fermoso rabirrubio, coma dicindo: "Estou aquí". Un pouco máis lonxe escoitase cómo lle contesta outro macho, dende o seu territorio: "Eu tamén estou aquí"...

E así botanse 1 hora e media-2 horas... xa pode chover por eles que nada os cala, nin o paso dos coches ou o ruido da xente erguéndose pra ir ó traballo...

Xa fixeron o niño, neste momento a femia apenas sae del e a súa parella non deixa de atendela levándolle aportes de comida cada vez que pode:



Rabirrubio macho recollendo aportes do comedeiro pra levar po niño

De súpeto un pío de alarma, a femia sae do niño nerviosa e o macho acude deseguida. Unha pega anda preto, demasiado preto. Os pais afánanse por distraela, por sacala do sitio onde teñen o seu niño... Sorteana, azúzana... sorprende ver semellante valentía nun paxariño tan pequeno.

Logo dun bo rato consegueno, a pega finalmente abúrrese e decide ir buscar o seu almorzo a outra parte:



Pega pousada nunha antena cando decide marchar a outra parte

E eu me pregunto, ¿logo teremos os primeiros pitiños da tempada?


Custodiando o niño

Son Os rabirrubios da Pena de Augas.



mércores, 2 de abril de 2014

Os ríos galegos, na UCI


¿Sabedes qué é isto? Trátase dun montón de corda a modo de palangre recuberta con anzois que recollemos no encoro de Albarellos (Leiro, Ourense). Ben pode ser que fora do ano pasado, pois moitos dos anzois estaban oxidados, pero é unha das razóns pola que a pesca autóctona non acaba de recuperarse nos nosos ríos: o furtivismo.


Non son as garzas, nin as lontras ou os corvos mariños os que acaban ca pesca fluvial. Son os furtivos, cas súas redes e palangres, cos seus anzois. Utilizan cebo vivo, ás veces miñoca e outras pequenos peixes (ás veces troitas) que atrapan previamente.

Outro exemplo é o río Umia (encoro da Baxe e río Gaio arriba), que estando nun perfecto estado de conservación e libre de grandes verquidos, é un deserto sen vida. A resposta está percorrendo os pequenos afluentes do cauce principal, que deberían ser os viveiros das pequenas troitas: atopalos sembrados de botellas de lixivia nas beiras.

Unha recente reportaxe do canal V televisión recolle dende unha ampla perspectiva as razóns polas que os nosos ríos atopanse nun estado de saúde pésimo. Sobreexplotación eléctrica, contaminación, furtivismo e unha xestión da pesca fluvial ineficaz e insuficiente acadaran por convertir ós nosos fermosos ríos en recursos agotados, tan só ó servizo das hidroeléctricas.

Quero pensar que ós nosos ríos inda lle queda unha oportunidade, pero iso depende de que os miremos con respeto, os cuidemos e deixen de ser un mero recurso enerxético.

mércores, 19 de marzo de 2014

Sobre cómo estragar unha fermosa ruta de sendeirismo


As imaxes pagan máis que mil verbas, iso dín e neste caso é o que vou facer:





Esta serie de fotografías de mala calidade xa que fixeronse co móbil, correspóndense a distintos tramos da PR-G 93, Rota da Ribeira do Ulla. Como podedes comprobar a ruta discurre por un fermoso e nada protexido bosque de ribeira, ás beiras do río Ulla, onde carballeiras e bosques de sobreiras alternanse con especies fluviais debuxando un entorno de fadas.

Marabilloso entorno que algúns utilizan para practicar coas motos de montaña, pero lugar mal escollido. A erosión é evidente, coma tamén a fraxilidade do hábitat onde están a levar a cabo esta actividade... 


Tamén deixo testemuña do lixo e malas prácticas que é habitual (e moi desagradable) atopar en calquera ruta frecuentada por sendeiristas:

Clínex nun recuncho do camiño
Bidón de gasolina e restos de latas de cervexa
Bolsa chea de lixo colgada dunha árbore do camiño
Restos de cintas dunha carreira de btt
Atallo feito polos sendeiristas nunha curva
que fai a ruta

Seremos quen de mellorar o noso comportamento na natureza?



luns, 10 de marzo de 2014

Comeza a tempada de bolboretas!


Chegou o sol, fíxose de rogar... pero xa está aquí! 


Este ano anotámonos no Programa de Seguimiento de Mariposas Diurnas (BMS España - Butterfly Monitoring Scheme Spain) para o cal tivemos que escoller un transecto preto da nosa casa no que ir mostrexar, se as condicións metereolóxicas o permitían, unha vez cada 10 días en tempada de voo de bolboretas (dende marzo a outubro):


Track do transecto elexido

Este sábado fixemos a primeira mostraxe. Levamos 3 días de sol e xa no xardín da nosa casa sentíamos o bulir dos insectos:


 Gran pavón ou bolboreta pavo real (Aglais/Inachis io), quecendo as ás  
Limonera (Gonepteryx rhamni)
Náiade (Celastrina argiolus)
Bolboreta dos valados (Pararge aegeria)
Blanca verdinerviada (Pieris/Artogeia napi)


¿Porqué é necesaria unha rede de seguimento de bolboretas? 
Pois porque os lepidópteros son excelentes indicadores de calidade ambiental e de biodiversidade, e tamén axúdannos a coñecer os efectos de determinados fenómenos locais ou a gran escala, coma pode ser un cambio nos usos do solo ou o cambio climático:

Bolboreta dos valados quecéndose ó sol


luns, 3 de marzo de 2014

Unha noz como agasallo


Hoxe vouvos presentar á parella de corvos pequenos que teñen o seu territorio nos arredores da miña casa, na Pena de Augas. Nestas datas andan moi namorados, e non tardarán en poñe-la súa primeira posta do ano, seguro que en canto mellore un pouco o tempo.

Esta mañá sorprendinos nunha agarimosa escena: o macho agasallaba á súa parella cunha noz, da que ela non dubidou en dar conta de seguido:


Parella de corvos pequenos (Corvus corone)

Estas intelixentes aves que moitas veces espertan en nós certa antipatía, infundada en gran parte pola mitoloxía popular e polos seus hábitos persecutorios e oportunistas fronte a outras aves (actitudes típicas dos córvidos), sorprendennos con estas actitudes tan respetuosas e agarimosas na parella. Cando están xuntas non deixan de despiollarse e bicarse, e acompáñanse todo o tempo a todas partes con moita complicidade:

Pero qué rica está esta noz!
O macho, moi guapo él co seu escuro vestido, custodiando 
que non veñan coches mentres a súa moza da conta do seu manxar



Polo xeral non miramos moito pra elas porque son moi comúns, e ata pra algún entran dentro do grupo de animais malos... pero como vedes, ata poden darnos algunha que outra lección.




xoves, 27 de febreiro de 2014

De reidoras e oscuras...


Nunha das anteriores entradas falaba das gaivotas choronas (ou reidoras en castelán), tan simpáticas coma fermosas e máis nestas datas que están a cambia-lo vestido:


Gaivota chorona ca plumaxe estival case completa
Esta chorona inda está a comeza-la muda...

Tampouco pasou desapercibida este fermoso exemplar adulto de gaivota escura (Larus fuscus), descansando á beiriña mesmo do mar:


Gaivota escura aproveitando os raios de sol na praia...

E ollo con este grupete de xuveniles de corvo mariño grande, que aproveitaba os refachos de vento pra secar as súas ás...


Xuveniles de corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo)

... e logo continuar de andainas!!

martes, 25 de febreiro de 2014

A elegancia dunha garza real



De apariencia elegante, tanto en voo coma cando axexa ás súas presas. Con eses ollos amarelos impactantes, acompañados do forte bico tamén amarelo en forma de daga ou arpón implacable, co que atravesa ás súas presas:


Adulto de garza real ó resgardo do vento na beira dun río

Pode semellar menos elegante cando escoitamos o seu potente graznido, que avisa da súa incomodidade se se sinte molesta, ou da súa presenza cando volta cara o durmidoiro ou pousadoiro habitual.

En Galicia soen distinguirse polo solitarias que son. Poden verse case en calquera lugar asolagado tanto ó longo da costa, coma no interior en ríos, encoros e brañas. Ás veces forman pequenas colonias a modo de durmidoiros cando se achega a noite, ou pra facer lugares de cría buscando a protección do grupo:


Unha chalupa é o lugar axeitado pra botar unha siesta, a soas
e mecida pola marea...

Unha inxusta mala fama tamén se fai con elas. De un tempo a esta parte son máis comúns e doadas de ver ca antes. Algúns pescadores míranas con recelo, e ata piden controis de poboación. Cúlpanas de acabar ca pesca nos ríos e na costa (culpabilidade que comparten cos corvos mariños e lontras...), e non haberá imputación máis inxusta, pois as garzas son moi oportunistas e alimentanse tanto de pequenos coma de grandes peixes, insectos, anfibios,... 

A pesca esgotase pola sobreexplotación eléctrica dos nosos ríos: encoros e minicentrais quebran case a totalidade dos nosos ríos e regatos, destruíndo o hábitat das especies fluviais. Tamén a contaminación, a fauna exótica invasora, a ineficaz xestión da pesca fluvial por parte das administracións e o sempre presente furtivismo, fulminan o pouco que queda, motivo polo cal a troita autóctona ou o salmón non acadan de recuperarse nos nosos ríos:



A punto de botarse a voar... unha garza dos Açores

Semella que ás veces botámoslle a culpa a quen menos a ten...