xoves, 19 de decembro de 2013

Chegan os fríos e as choivas...


... E toca enche-lo comedeiro

Está a comezar decembro, o frío é evidente e as choivas non se fan agardar. Por iso e pra axudar ás pequenas aves silvestres, que son as máis vulnerables ás inclemencias meteorolóxicas, comezo a facerlle pequenos aportes de comida ó comedeiro:

Comedeiro do xardín

Pronto comezan a achegarse os habituais:

A parella de rabirrubios
O sempre territorial paporrubio, facendo presenza
As ruidosas familias de pardais que aniñan no noso tellado...

E súmanse pimpíns, picafollas, carrizos, pegas (ás que lles descubrín un curioso xeito de apaña-la comida... ademáis de valeirarme o comedeiro deseguida!), ferreiriños, etc. 

Aproveitando o frío, procuro prepararlles un bolo de manteiga de porco que conteña froitos secos e froita deshidratada, sobre todo pós ferreiriños e abelleiros que tal e coma se aprecia na fotografía tolean por este delicioso manxar:

O abelleiro, todo encaramiñado no seu bolo de frutos secos

Está de máis dicir, que antes de montar un comedeiro pra aves hai que informarse debidamente sobre o que poden comer as aves do entorno, xa que a súa alimentación pode ser moi específica. De xeito xeral débense evitar alimentos grasos e salgados, os aditivos industriais, e se a elaboración do menú é caseira, seguro que volo agradecerán!

Tamén temos á disposición destes emplumados visitantes, caixas-niño en aluguer por un ventaxoso prezo, por se algún se decide a monta-lo seu niño no noso xardín!:

Caixa-niño en aluguer

Un importante detalle que debemos ter en conta son as nosas mascotas: tanto o comedeiro coma as caixas niño deben situarse nun lugar alonxado dos ollos e das zarpas dos nosos lindos gatitos (e lindos perritos...), que nun intre poderían causar un lamentable destrozo a modo de paxaricidio. Nunca me cansarei de dicir que no caso de que o noso minino campee ceive hai que poñerlle axóuxere

martes, 10 de decembro de 2013

Algunhas aves de Chile IV

Continuamos as entradas sobre as aves de Chile na Rexión dos Lagos, pero nesta ocasión nun ambiente máis marino:


É eiquí, onde os ríos deixan de ser ríos e o mar inda non se atreve a abrirse á inmensidade do Pacífico, onde as aves atopan un lugar onde alimentarse, onde descansar e facer parada na súa longa viaxe, ou onde criar.

Os sempre elegantes cisnes, invitan a bailar un vals:

Cisne de cuello negro (Cygnus melancoryphus)
Bando de cisnes coscoroba (Coscoroba coscoroba)

Unha coñecida de anteriores entradas, e outra que tamén pasea polos nosos lares:

Pilpilén (Haematopus palliatus)
Zarapito, zarapo ou perdicilla de mar (Numenius phaeopus hudsonicus),
subespecie do noso mazarico chiador

As carroñeiras:

Jote de cabeza colorada (Catartes aura)
Jote de cabeza negra (Coragyps atratus)

E por último, as aves mariñas:

Gaviota dominicana (Larus dominicanus)
Bando de gaviota cahuil (Larus maculipennis), xunto
a varios exemplares de gaviota dominicana. Facendo un pouco de ollo, poden
distinguirse xuvenís e adultos de ambas especies
Xuvenil de cormorán imperial (Phalacrocorax atriceps)
Pelícano (Peruvian pelican)

Agardamos poder voltar a este abraiante país pra traer en insignificantes fotografías, pequenos anacos da impresionante biodiversidade chilena...

Jotes secando as ás, xunto a unha gaivota dominicana...
semellan dicir ¡deicalogo!




martes, 3 de decembro de 2013

O meu primeiro avistamento dun lobo ibérico...

Podo dicir que levo toda a vida agardando este momento, e 34 anos despois por fin chegou: o meu primeiro avistamento dun lobo ibérico en estado salvaxe. Levo enfeitizada con eles dende que era unha meniña, a pesares das lendas do "lobo feroz" e dos ditos: "non vaias pola volta de Trabazos que hai lobos que comen ás persoas"... 

Foi inesperado, de madrugada, apenas vin a metade do cánido... pero era un lobo sen dúbida. Quedei abraiada, sen verbas... inda hoxe revivo ese momento. Cando me din conta do que era desapareceu entre a maleza, onde seguramente o agardaba o resto da súa manda. Non puiden fotografialo, nin se me pasou pola mente, pero esa imaxe quedará por sempre grabada na miña memoria coma un momento máxico. Coma outros tantos que gardo coma agasallos da natureza que pra nada merezo...

E debe ser que ando en rolda que á semana seguinte de avistar o lobo cruceime cun lince ibérico nunha zona que "oficialmente" non é lincera (inda que sí o foi no pasado). O que fixo este encontro por un lado incrible, e por outro emocionante xa que un lince non pode confundirse con ningunha outra especie na península...

Como comprenderedes, por motivos obvios non vou dar sinais de onde os vin, só direi que no derradeiro mes viaxei bastante pola xeografía peninsular...


Lamento que nos últimos tempos se volvera á persecución contra o lobo ibérico por parte de colectivos agrogandeiros e cinexéticos, e co consentimento das administracións ávidas de votos en tempos remexidos. O caso é que tanto a actividade gandeira coma a cinexética son compatibles ca existencia de depredadores naturais, só que nós temos que por da nosa parte e na maioría dos casos é unha condición que non queremos asumir. Énos máis doado andar a tiros con eles ou exterminalos en silencio con veleno, trampas ou lazos, que traballar na convivencia.

Son pequenos tesouros polos que temos que loitar e non "alimañas" a eliminar. Porque na natureza non hai malo nin bo. Agardo que teñamos a suficiente sensatez pra conservar a estas dúas especies tan importantes po equilibrio natural coma calquera outra, e non levalas de novo ó límite da súa extinción... 

xoves, 28 de novembro de 2013

Una pequena mostra de réptiles, insectos e demáis fauna de Chile


A fauna chilena segue a sorprendernos tanto pola súa diversidade coma pola súa maxestuosidade, sendo conscientes de que nos movemos polos lugares máis humanizados e industrializados do país.

Pra comezar preséntovos un esfínxido e unha bolboreta:

Noctuido de nome común descoñecido (Hyles annei), pousado
na contraventá dunha estación de servizo
Papillo negra (Battus polydamus) quecéndose ó sol

Unha fermosa eiruga tricolor sen identificar:




E varios réptiles:

Lagartija negro-verdosa (Liolaemus negroviridis)

En Chile, a clase dos réptiles presenta un gran número de endemismos como consecuencia da barreira xeográfica que supón a cordilleira dos Andes (o 63% das especies só se atopan neste país). Nalgúns casos, coma no do lagarto de lo Valdés, a distribución da especie redúcese un único val:

Lagartija esbelta, o tenue (Liolaemus tenuis)
Lagarto de lo Valdés (Liolaemus valdesianos)

Do mesmo xeito que en Europa, tamén proliferan con éxito as especies alóctonas que compiten cas nativas, puidendo incluso levalas ó borde da extinción. Neste caso unha lebre europea, demasiado común nas montañas andinas:

Lebre (Lepus europaeus)

Agardei uns minutos por se saía un puma con pretensións de merendarse á lebre, pero lamentablemente pra min non foi o caso. O avistamento do mamífero mais esquivo e emblemático de sudamérica terá que quedar para á proxima ocasión... por suposto que será se él quere!


mércores, 27 de novembro de 2013

Algunhas aves de Chile III

Desta vez movémonos pola Rexión dos Lagos (10ª Rexión), adentrándonos na Patagonia Chilena. A paisaxe modulada polas distintas erupcións volcánicas, cambia por completo e a contraste de cores debuxa fermosos horizontes:

Río Petrohué e Volcán Osorno

Nestes intres a vida comeza a espertar deixando atrás o inverno. Aparecen as tenras e verdes follas da primaveira, e os arbustos énchense de flores.

Comezamos a rolda cunha ave de simpático nome común, e unha rapaz moi presente en documentais e postais sobre a zona:


Bandurria austral (Theristicus melanopis)
Carancho (Caraca plancus)

Un coñecido de anteriores entradas, pero nesta ocasión cunha pose mellorada:


Tiuque (Milvago chimango)

O tiuque ten un curioso xeito de camiñar moi esterricado pegando longas zancadas, coma se fora de formación militar:


Pata esquerda mirando ó lado ¡ar!...
... pata dereita mirando ó frente ¡ar!

Continuamos cun pombo que ben se asemella ó noso:



Torcaza (Patagioenus araucana)

E un enfurruscado peto ó que por algún motivo molestabamos, e nos dicía que debiamos marchar de alí:

Pitío (Colaptes pitius)

A continuación un cativo ó que de xeito popular se lle chama "colegial" (ó mellor polo chaleco de plumas marróns que asemella ó uniforme das escolas), moi ben acompañado xunto a súa parella:


Colegial ou negrito austral  macho (Lessonia rufa)
Negrito austral femia (Lessonia rufa)

Continuará... como a vida mesma!


Como diría algún... "la primavera, la sangre altera"



sábado, 16 de novembro de 2013

Pequenas grandes accións II

Pouco podemos facer a gran escala dentro deste mundo tan globalizado, pero ó noso arredor sí podemos con pequenas grandes accións, botarlles unha man ós seres que nos rodean.

Unha noite destas atopeime por sorpresa e atrapada na humidade das lousas da cociña, un exemplar de "mariposa de los muros" ou maculada (Pararge aegeria). Apañeime pra atrapala nun vaso, axudandome cunha folla de papel pra evitar tocala e dañarlle as súas delicadas ás.

A bolboreta pasou a noite no vaso, lixeiramente inclinado e na mesa da cociña ó resgardo do frío da noite:

Bolboreta dos valados en posición de reposo

A mañá seguinte en canto saiu o sol, deille a volta ó vaso e púxena na ventá. E no momento na que ela o considerou e queceu o seu corpo o necesario para emprender o seu voo, marchou ceive cara a súa aventura.

Moitos insectos, dende escarabellos ata bolboretas diurnas e nocturnas poden quedar atrapadas no interior das nosas vivendas, e se non atopan saída morren de inanición, cansancio, baixo unha das nosas zapatillas ou entre as zarpas dunha das nosas mascotas.

Uns meses atrás atopeime outra singularidade colgando dunha cortiña:

Ledra aurita

Do mesmo xeito e con coidado, atrapeino e púxeno na repisa da ventá dándolle o seu tempo pra que marchara, e á vez aproveitando pra facerlle unhas fotos pra lembranza. Deseguida decateime de que este chinche tiña un curioso mecanismo de "despiste" a modo de autodefensa: daba brincos quedandose "patas arriba" e facendose o morto:

Curiosa apariencia do chinche dado a volta

Logo dun tempo, voltaba a poñerse en posición horizontal brincando cara a súa liberdade.



PD. Grazas a José Manuel Villa pola súa axuda na identificación da chinche 

xoves, 31 de outubro de 2013

Algunhas aves de Chile II

Xa estamos de volta!


Chincol ás súas ordes!

Continuamos a mostra de aves de Chile cunha especie introducida (procedente de California), pero tamén con outras nativas:

Codorniz (Callipeta californica), moi elegante co seu sombreiro

Ai qué preguiza erguerse!!!

Perdicita cojón (Thinocorus orbignyianus), despreguizándose

Ups, e eu con estas plumas!

Perdicita cojón (Thinocorus orbignyianus)

Agunhas limícolas e anátidas:

Á dereita, un pilpilén (Haematopus palliatus).
Á esquerda un pilro
Playero blanco (Calidris alba), pra nós pilro
ou correlimos tridáctilo
Pato juarjual (Lophonetta specularioides), con impresionantes ollos vermellos,
típìco da alta montaña andina

As anátidas forman enormes bandos nas balsas de auga dos vales andinos:




Na foto non se aprecia como debería, pero a tagüita ten un pico verde moi chamativo, contrastando cos ollos vermellos:

Tagüita (Gallinula melanops)

Unha das aves máis doadas de ver, en case calquera ambiente:


Queltehue, ou tero (Vanellus chilensis)

E como non podería ser de outro xeito, as raíñas do ceo: as rapaces.


Águila (Geranoaetus melanoleucus)
Tiuque (Milvago chimango)

E o indiscutible monarca dos Andes, o impresionante cóndor andino:


Cóndor andino (Vultur gryphus)

Ata a próxima!!


Abur!