mércores, 25 de setembro de 2013

Os rabirrubios da Pena de Augas

Quizáis ata agora nunca vos falei deles, pero teño uns veciños moi especiais. Trátase dunha parella de rabirrubios (colirrojo tizón, Phoenicurus ochruros) que estableceu o seu territorio e lugar de cría no noso barrio.

Este ano sacaron adiante a tres polos en distintas niñadas. No inverno vinos sortear as inclemencias do tempo. Axudeinos, na medida das miñas posibilidades, con aportes diarios e variados no comedeiro para sortear escasez de comida provocada polas continuas chuvias, sobre todo nos meses da primaveira que foron especialmente duros para as primeiras niñadas dos paxaros de pequeno tamaño.

Abraioume o forte carácter da femia cando un pardal (gorrión común) ou un ferreiriño grande (carbonero común) competía con ela pola comida do comedeiro, botándoos con indignación: 


A miña veciña, sempre pendente do que acontece ó seu arredor

Namoraronme as chamadas entre a parella, a súa complicidade no momento de preparar o niño, os coidados do macho á femia choca, ou cando tocaba cebar as crías...

Sufrín xunto cos pais cando chegaba o momento de que os pitos saíran do niño, de facer as primeiras prácticas de voo. Cando un gato se acercaba perigosamente ás súas ruinas, feitas fogar, sentíndose atraído polos reclamos da cría axexándoa, buscando o mínimo despiste pra atrapala... Ou cando as pegas (urracas, Pica pica) acosabanos sen descanso, ás veces durante un día enteiro, tentando roubarlle-lo pitiño inda torpón... Non deixo de louvar cómo estes pais os defendían, poñendo en moitas ocasións a súa vida en perigo con tal de salva-la do seu pitiño...

E unha vez o pitiño voaba con confianza, rompía definitivamente os lazos cos seus pais e lanzábase cara a súa aventura:


Un dos pitiños desta tempada,
atusándose a plumaxe dende a súa atalaia

A parella, despois de varias niñadas, preparouse pra un merecido descanso alonxandose do seu lugar de cría e adentrándose no interior ó mellor na busca de reservas po outono, ou migrando brevemente cara zonas máis costeiras, coma se dun breve periodo vacacional se tratara. O desgaste, despois da tempada de cría, foi evidente:


O macho a piques de remata-lo verán, en pleno cambio de plumaxe,
e cun pito volantón ó seu coidado

Pero de cando en cando volven por estes lares reclamando o seu territorio, coma se quixesen comprobar que todo segue como o deixaron. Nunca marchan moi lonxe nin por moito tempo:


O macho xa de volta, facendo custodia do seu territorio,
cas pilas ben cargadas

A miña homenaxe a esta briosa parella, ca que un ano máis compartín estas entrañables vivencias. Agardo que así sexa por moitos anos máis!

xoves, 19 de setembro de 2013

Fauna da serra de Gredos: Aves e paxaros

Non todo son bolboretas, e se vas cos sentidos ben postos en calquera recuncho sorprende unha forma de vida. Nas matogueiras, nos piñeirais, nas charcas das beiras dos ríos, no ceo infinito, nos rochedos, nas lagoas,...

As grandes rapaces surcaban o ceo infinito, suspendidas, axexándonos dende a seguridade que lle da a súa superioridade en altura. O voitre común e o voitre negro (Gyps fulvus e Aegypius monachus), un xuvenil de águia real (Aquila chrysaetos), varias águias calzadas (Aquia pennata) e lagarteiros (Falco tinnunculus), foron os avistamentos máis significativos de rapaces.

Pola noite, o bufo real e a avelaiona (Bubo bubo e Strix aluco, respectivamentedeixabanse escoitar unha vez os humanos cesabamos co noso ruido nos arredores do cámping onde durmiamos.

E de entre os paxaros máis pequenos, e nalgúns casos máis comúns, deixovos algunha foto (case todos cunha apariencia moi simpática polo cambio de pluma estacional):

Chasco cincento ou collalba gris (Oenanthe oenanthe)
Papoazul ou ruiseñor pechiazul (Luscinia svecica),
 en pleno cambio de pluma
Xuvenil de rabirrubio ou colirrojo tizón (Phoenicurus ochruros)
Azulenta ou acentor común (Prunella modularis)
Pimpín femia ou pinzón (Fringilla coelebs)
Femia de pintarroxo ou pardillo (Carduelis cannabina)
Ferreiriño negro ou carbonero garrapinos (Periparus ater),
 pillado no seu baño matinal
Picafollas ou mosquitero común (Phylloscopus collybita),
tamén no seu baño matinal

Tamén son destacables os avistamentos de gabeador ou trepador azul (Sitta europaea), merlo azul ou roquero solitario (Monticola solitarius), avión roquero, xílgaros, ferreiriño cristado ou herrerillo capuchino (Lophophanes cristatus), chotacabras gris (atopado atropelado na estrada, e posteriormente deixado en custodia da gardería de Medioambiente da Junta de Castilla y León), chovas piquirrojas, unha oropéndola, abejarucos, lavandeiras blancas, lavandeira amarela (Motacilla flava), etc.

E se tes a suficiente paciencia, e agardas un intre, ata te podes atopar con situacións tan simpáticas como ver coincidir na mesma "bañeira" a un ferreiriño negro, cun picafollas e un carrizo (chochín, Troglogytes troglodytes). A instantánea tan só captou as turbulencias de semellante baño entre "bos amigos ocasionais":

Picafollas na "ducha"



martes, 10 de setembro de 2013

Os meus compañeiros de andainas

Presentovos ós meus compañeiros de andainas: Nina (á esquerda) e Lucas (á dereita), que ás veces acompáñannos nas nosas corredoiras na busca de bichería.

Claro está que indo con eles as posibilidades de atopar algún vertebrado redúcense de maneira drástica, xa que espantan a todo bicho vivinte... Inda así, ás veces non podemos resistirnos a levalos con nós:


Nina e Lucas, naturalistas aficionados de catro patas

Lembrade, como donos e responsables dos nosos cans, debemos levalos preferentemente atados e ben controlados, e non debemos introducilos en zonas de especial protección (LIC, ZEPA, Rede Natura, etc.). No caso de que accedamos a un Parque Natural ou Nacional, e nos deixen levar á nosa mascota debemos respetar estrictamente as normas.

Polo xeral, solemos a pechar ós ollos e a infravalorar as molestias e os danos que as nosas mascotas poden ocasionar á fauna e a flora que nestes espazos se protexe. Tendemos a xustificar que "o noso can ten dereito a divertirse", ou que "a xente tamén deixa lixo", no que se refire ós excrementos das nosas mascotas. 

O dos excrementos ten doada solución, porque inda que estemos no campo debemos recoller as defecacións das nosas mascotas, e máis se son na praia ou no medio de rutas ou camiños. Debemos evitar as molestias ó resto dos camiñantes por un lado, e eliminar un posible foco de transmisión de enfermidades polo outro.

Pero o dos danos á fauna e a flora, costa máis entendelo (sobre todo se se trata dun can pequeno)... Ignoramos o estrés que se lle causa á fauna local simplemente ca súa presenza, porque os animais salvaxes ven á nosa mascota coma un depredador. Fainos gracia cando persegue gaivotas na praia, ou captura un lagarto no medio dunha silveira. Escusámolo: "Só está a xogar", ou louvámolo: "É bo cazador!"... 

Pero o xogo das nosas mascotas pode ser letal para moitas destas especies, e en numerosos casos (documentados), causa de extincións locais. Neste apartado incido de maneira moi entusiasta en que ademáis de controlar ós nosos cans, ollo co noso gato:


Interesante aplicación da American Bird Conservancy

Por estas e por outras moitas razóns, debemos informarnos dos danos potenciais que poden ocasionar as nosas mascotas no medio, coma responsables que somos delas. E por suposto, abandoalas non é a solución...

Non introduzamos o noso can nun espazo protexido, e no caso de que esté permitido, non o deixemos ceibe. O noso can, o noso mellor amigo, non é máis infeliz por ir atado: tan só quere disfrutar dun paseo na nosa compaña.

luns, 9 de setembro de 2013

Boboretas na Serra de Gredos

A pasada ponte do 15 de agosto fixemos unha pequena escapada á Serra de Gredos, ó sur da comunidade de Castilla y León. Fascinados, percorrimos os seus vales glaciares, e en cada recuncho atopabamos unha explosión de vida, indiferente para a maioría dos sendeiristas.

Das matogueiras xurdían pequenas aves curiosas, de entre as pedras escorríanse os lagartos ó noso paso. Moi altas, no ceo, sorprendianos a silueta das grandes rapaces, e en cada regato ou charca, rás, píntegas, sapillos,...

Comezo cunha rolda de fotos dalgunhas das bolboretas que atopamos:


Negra (Satyrus actacea)
Esfinge colibrí (Macroglossum stellatarum)
Montañesa xigante (Erebia palarica), Pandora (Argynnnis pandora)
e Cardera (Vanessa cardui)
Cardera (Vanessa cardui), Sofía (Issoria lathonia) e
chicharra montañera (Steropleurus stalii)
Dorada manchas blancas (Hesperia comma)
Blanquita de la col (Artogeia rapae)
Náiade (Celastrina argiolus)
Pardo rubia (Hipparchia semele)
C-blanca (Polygonia c-album)
Pinta ocres (Arethusana arethusa)
Ortiguera (Aglais urticae)
Calimorfa (Euplagia cuadripunctaria)
Femia de manto de oro (Lycaena virgaureae)
Macho de manto de oro (Lycaena virgaureae)

Entre outras, logramos identificar pero non fotografiar a amarela (Colias crocea), a rey moro (Brintesia circe, aparece nalgunhas guías como Katenisa circe) e a macaón (Papilio machaon) entre as máis rechamantes, e varios licénidos que non soubemos identificar.

A serra de Gredos é, sen dúbida, un marabilloso escenario para ademáis de deleitarse con fermosas paisaxes, entreterse en cada recuncho e deixar pasa-lo tempo desconectando de todo o que nos rodea.