xoves, 19 de decembro de 2013

Chegan os fríos e as choivas...


... E toca enche-lo comedeiro

Está a comezar decembro, o frío é evidente e as choivas non se fan agardar. Por iso e pra axudar ás pequenas aves silvestres, que son as máis vulnerables ás inclemencias meteorolóxicas, comezo a facerlle pequenos aportes de comida ó comedeiro:

Comedeiro do xardín

Pronto comezan a achegarse os habituais:

A parella de rabirrubios
O sempre territorial paporrubio, facendo presenza
As ruidosas familias de pardais que aniñan no noso tellado...

E súmanse pimpíns, picafollas, carrizos, pegas (ás que lles descubrín un curioso xeito de apaña-la comida... ademáis de valeirarme o comedeiro deseguida!), ferreiriños, etc. 

Aproveitando o frío, procuro prepararlles un bolo de manteiga de porco que conteña froitos secos e froita deshidratada, sobre todo pós ferreiriños e abelleiros que tal e coma se aprecia na fotografía tolean por este delicioso manxar:

O abelleiro, todo encaramiñado no seu bolo de frutos secos

Está de máis dicir, que antes de montar un comedeiro pra aves hai que informarse debidamente sobre o que poden comer as aves do entorno, xa que a súa alimentación pode ser moi específica. De xeito xeral débense evitar alimentos grasos e salgados, os aditivos industriais, e se a elaboración do menú é caseira, seguro que volo agradecerán!

Tamén temos á disposición destes emplumados visitantes, caixas-niño en aluguer por un ventaxoso prezo, por se algún se decide a monta-lo seu niño no noso xardín!:

Caixa-niño en aluguer

Un importante detalle que debemos ter en conta son as nosas mascotas: tanto o comedeiro coma as caixas niño deben situarse nun lugar alonxado dos ollos e das zarpas dos nosos lindos gatitos (e lindos perritos...), que nun intre poderían causar un lamentable destrozo a modo de paxaricidio. Nunca me cansarei de dicir que no caso de que o noso minino campee ceive hai que poñerlle axóuxere

martes, 10 de decembro de 2013

Algunhas aves de Chile IV

Continuamos as entradas sobre as aves de Chile na Rexión dos Lagos, pero nesta ocasión nun ambiente máis marino:


É eiquí, onde os ríos deixan de ser ríos e o mar inda non se atreve a abrirse á inmensidade do Pacífico, onde as aves atopan un lugar onde alimentarse, onde descansar e facer parada na súa longa viaxe, ou onde criar.

Os sempre elegantes cisnes, invitan a bailar un vals:

Cisne de cuello negro (Cygnus melancoryphus)
Bando de cisnes coscoroba (Coscoroba coscoroba)

Unha coñecida de anteriores entradas, e outra que tamén pasea polos nosos lares:

Pilpilén (Haematopus palliatus)
Zarapito, zarapo ou perdicilla de mar (Numenius phaeopus hudsonicus),
subespecie do noso mazarico chiador

As carroñeiras:

Jote de cabeza colorada (Catartes aura)
Jote de cabeza negra (Coragyps atratus)

E por último, as aves mariñas:

Gaviota dominicana (Larus dominicanus)
Bando de gaviota cahuil (Larus maculipennis), xunto
a varios exemplares de gaviota dominicana. Facendo un pouco de ollo, poden
distinguirse xuvenís e adultos de ambas especies
Xuvenil de cormorán imperial (Phalacrocorax atriceps)
Pelícano (Peruvian pelican)

Agardamos poder voltar a este abraiante país pra traer en insignificantes fotografías, pequenos anacos da impresionante biodiversidade chilena...

Jotes secando as ás, xunto a unha gaivota dominicana...
semellan dicir ¡deicalogo!




martes, 3 de decembro de 2013

O meu primeiro avistamento dun lobo ibérico...

Podo dicir que levo toda a vida agardando este momento, e 34 anos despois por fin chegou: o meu primeiro avistamento dun lobo ibérico en estado salvaxe. Levo enfeitizada con eles dende que era unha meniña, a pesares das lendas do "lobo feroz" e dos ditos: "non vaias pola volta de Trabazos que hai lobos que comen ás persoas"... 

Foi inesperado, de madrugada, apenas vin a metade do cánido... pero era un lobo sen dúbida. Quedei abraiada, sen verbas... inda hoxe revivo ese momento. Cando me din conta do que era desapareceu entre a maleza, onde seguramente o agardaba o resto da súa manda. Non puiden fotografialo, nin se me pasou pola mente, pero esa imaxe quedará por sempre grabada na miña memoria coma un momento máxico. Coma outros tantos que gardo coma agasallos da natureza que pra nada merezo...

E debe ser que ando en rolda que á semana seguinte de avistar o lobo cruceime cun lince ibérico nunha zona que "oficialmente" non é lincera (inda que sí o foi no pasado). O que fixo este encontro por un lado incrible, e por outro emocionante xa que un lince non pode confundirse con ningunha outra especie na península...

Como comprenderedes, por motivos obvios non vou dar sinais de onde os vin, só direi que no derradeiro mes viaxei bastante pola xeografía peninsular...


Lamento que nos últimos tempos se volvera á persecución contra o lobo ibérico por parte de colectivos agrogandeiros e cinexéticos, e co consentimento das administracións ávidas de votos en tempos remexidos. O caso é que tanto a actividade gandeira coma a cinexética son compatibles ca existencia de depredadores naturais, só que nós temos que por da nosa parte e na maioría dos casos é unha condición que non queremos asumir. Énos máis doado andar a tiros con eles ou exterminalos en silencio con veleno, trampas ou lazos, que traballar na convivencia.

Son pequenos tesouros polos que temos que loitar e non "alimañas" a eliminar. Porque na natureza non hai malo nin bo. Agardo que teñamos a suficiente sensatez pra conservar a estas dúas especies tan importantes po equilibrio natural coma calquera outra, e non levalas de novo ó límite da súa extinción...