sábado, 27 de xullo de 2013

Un pequeno protagonista dunha xornada de campo

Aproveitando que era o último día da segunda edición do curso turismo ornitolóxico do CEIDA, acercamonos a coñecer a costa de Dexo-Serantes. 

Esta pequena franxa da Costa Ártabra case intacta no seu estado natural sitúase entre os omnipresentes portos de A Coruña e Ferrol. Declarouse LIC e Monumento Natural:


Recollendo datos no Seixo Branco. Ó fondo, o faro de Mera

Entre os valores naturais a destacar deste LIC están a singulariade dos seus hábitats: cantís costeiros, matogueiras de toxos e espiños, furnas e pequenos illotes case unidos á costa que conservan unha boa mostra da flora litoral, moita dela endémica, do NO peninsular. De man dun bo estado de conservación dos hábitats van as especies que habitan neles. Nos seus cantís e illotes aniñan o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), o paíño pequeno (Hydrobates pelagicus), o falcón pelengrín e o andoriñón real (Apus melba), entre outros. 

Durante todo o camiño pequenos grupos de pintarroxos ou pardillos comúns (Carduelis cannabina) zambullíanse nas matogueiras e voltaban a sair, os pitos volantóns perseguían ós pais pedindo alimento e éstes reclamabanlles que xa era hora de que se independizaran... Ata que un deles permitiunos facerlle un album de fotos, todo quedo e ben pousadiño na pola seca dun toxo.

Eiquí vos deixo unha das mellores fotos deste pequeno presumido:


Pintarroxo no seu pousadeiro

luns, 22 de xullo de 2013

Polas Brañas do Xestoso

O pasado domingo estivemos de visita ca SEO Pontevedra polas Brañas do Xestoso. Os paseos por este LIC do interior da provincia de Pontevedra sempre dan de sí, pero onte puidemos disfrutar sen moita calor, de paxaros: 

Escribenta amarela ou escribano cerillo (Emberiza citrinella) na néboa
Pica das árbores ou bisbita arbóreo (Anthus trivialis)
Escribenta riscada ou escribano montesino (Emberiza cia)

... e demáis que non puiden fotografiar, como o avión común, círrios (Apus apus),  paspallás ou codorniz, escribenta común (Emberiza cirlus), chascas ou tarabillas, lavercas ou alondras, picanzo vermello ou alcaudón dorsirrojo (Lanius collurio), picanzo real ou alcaudón real (Lanius meridionalis), etc.

Observamos un bo número de aves rapaces: miñatos (Buteo buteo), abelleiros (Pernis apivorus), aguia cobreira (Circaetus gallicus), falcón pelegrín (Falco peregrinus), etc. entre os que destaca pola súa singularidade a tartaraña cincenta ou aguilucho cenizo (Circus pygargus), que conta con un bo número de exemplares melánicos na zona.

Como non podía ser doutra maneira, rolda de bolboretas:


Lobito agreste (Pyronia tithonus)
Amarela (Colias croceus)
Medioluto ibérica (Melanargia lachesis)
Banda acodada (Hipparchia alcyone)
Cardera (Vanessa cardui)
Dorada línea larga (Thymelicus sylvestris)
Pavo real (Inachis io)

Vai de libeliñas:

Libeliña (Cordulegaster boltonii)

E unha fermosa araña, pousada sobre a súa tela á espera do almorzo, ben cheíña de gotas de rocío, que non souben identificar (acepto aportacións...):

Araña á espera do seu almorzo...

Cando marchabamos, a vida continuaba coma se nada, impasible, ó noso arredor...

Cópula de lobitos agrestes





mércores, 17 de xullo de 2013

Pillareando II

En cada visita ás praias atópome con boas e tamén con malas novas. Cada vez son menos os pitiños de píllara que sobreviven, algúns por causas naturais e outros por causas evitables e totalmente condicionadas pola actividade humana.

Pero as píllaras tamén nos agasallan con imaxes de ensoño:

Un adulto de píllara vixíanos dende a duna...
... ata comprobar que o seu pitiño pode acompañalo con seguridade

Nunha das nosas últimas visitas presenciamos con desolación e impotencia como unha manada de cans asilvestrados perseguía, dispersaba e pisoteaba na súa cacería a tres familias de píllara das dunas... 

A presenza de cans e gatos ceives en espazos protexidos son unha ameaza para a fauna silvestre, polo que é a nosa responsabilidade que isto non suceda. Se imos acompañados pola nosa mascota dentro dun espazo natural debemos tela atada e controlada en todo momento, e respetar as normas e as prohibicións de acceso no caso de que así se establecera.

Outra cousa que non debemos facer é alimentar ás manadas asilvestradas (como en xeral a ningún animal salvaxe), pois inda que creamos que lles estamos a facer un ben só estamos a agrandar o problema favorecendo a súa reproducción e estancia nun medio no que non deben estar e no que van causar moito dano.

Esperemos que este pitiño, que conta con apenas uns poucos días de vida, poida chegar a facer as súas primeiras prácticas de voo...


luns, 15 de xullo de 2013

Pequenas grandes accións...

Onte, cando baixaba da casa no coche, atopeime con este fermoso exemplar macho de vacaloura, escornabois ou ciervo volante (Lucanus cervus) no medio da estrada, parecía un pouco atontado:


Vacaloura no medio da estrada

Deseguida apartei o coche e fun ata él pra ver se se ferira, pero en canto o toquei puxoseme farruco e ensinoume os cornos en posición defensiva. Decidín non estresalo demasiado, e deixeino alonxado do arcén, á sombriña dos carballos, pra que se recuperase antes de seguir ca súa viaxe.

Este tipo de pequenas accións, sempre que non supoña por en perigo a nosa vida ou a dos que circulan pola carreteira, danlle unha oportunidade se sobrevivir a estes animais cando quedan feridos ou simplemente atontados no medio dunha estrada.

Xa pola noitiña, tomando o fresco nas escaleiras da casa, vimos voar unha vacaloura xusto por enriba do noso tellado... e pensei que pode que fora o mesmo que atopei no medio da estrada... pode que fora...

martes, 9 de xullo de 2013

Sorpresas no xardín

Mirade qué fermosura me atopei hoxe pola tardiña no xardín...

Mirade qué mandíbulas ten...
A tamaño completo (aprox. 6 cm)

Tratase dun macho de "gran capricornio" ou Cerambix cerdo, e é un dos coleópteros máis grandes de toda Europa. Avistalo é cada vez máis raro por mor da perda do seu hábitat. Debido a que se alimenta da savia das árbores enfermas do xénero Quercus, tradicionalmente está considerado como "plaga".

Está catalogado como "vulnerable" pola IUCN, e está practicamente extinguido no norte de Europa, polo que é nosa responsabilidade velar para poidamos no futuro, seguir atopándonos con él de vez en cando.


PD. O meu agradecemento a José Manuel Villa, experto en "bichos", pola súa identificación

luns, 8 de xullo de 2013

Pillareando

Este ano teño o gusto de colaborar como voluntaria ca SEO Pontevedra nas tarefas de vixilancia dos niños de píllara das dunas ou chorlitejo patinegro (Charadrius alexandrinus) nas praias do Salnés.

Esta pequena e simpática ave considerase como "ameazada" en Galicia por mor da perda do seu hábitat.

Nas nosas rondas diarias os voluntarios facemos un seguimento dos niños da píllara (número de postas, control dos balizados, control de cans nas praias, seguimento da supervivencia das crías, etc.) todo isto en colaboración co Servizo de Protección da Natureza da Xunta de Galicia.

Tamén se leva a cabo unha labor de educación ambiental, informándolle á xente do valor que ten que a píllara aniñe nestas praias e a responsabilidade compartida en canto a súa conservación. Incídese moito na colaboración para que a xente non leve os seus cans ás praia en época de cría, xa que comprobouse que este factor é causa do destrozo, abandono de niños e mortandade non natural das crías.

Claro que a conservación da píllara ten moitos outros frentes abertos...

Na miña última ronda acompañoume a miña compañeira de clube de orientación Ana Belén Crespo, e é grazas a ela que podo deixarvos esta fermosa foto dunha das familias de píllara do Salnés que loita por sacar ós seus pitiños adiante:

Familia de píllaras - Foto: Ana B. Crespo


venres, 5 de xullo de 2013

Espectáculo das pardelas cincentas e carráns nos Açores

Esta primaveira tiven a sorte de visitar por segunda vez os Açores, nesta ocasión tres das illas centrais do arquipélago: Pico, Faial e Sao Jorge.

Pra desprazarnos entre illas tiñamos que coller un ferri, e durante a viaxe e se o bo tempo acompañaba, podíase disfrutar da presenza de numerosas pardelas cincentas ou cagarros (Calonectris diomedea borealis):


Pardelas cincentas ou cagarros a ras do mar

Pero dende logo, a experiencia máis incrible foi escoitar ás pardelas pola noite no porto de Velas (Sao Jorge). Centos de pardelas voltaban da súa xornada de pesca, voaban sobre os acantilados da illa, sobre as nosas cabezas, sobre a vila de Velas, emitindo reclamos mentres se emparellaban e competían por un lugar entre as rochas pra facer o seu niño.

Tentei facer unha grabación co móbil, pero quedou con moi mala calidade, polo que eiquí vos deixo un enlace ó arquivo de son de Carlos de Hita Llantos y lamentos del mar (El sonido de la naturaleza).

Outra das aves mariñas estrela que aniña nestas illas é o carrán, charrán ou garajau (Sterna hirundo e Sterna dougallii, entre outros):

Carrán común (Sterna hirundo)



mércores, 3 de xullo de 2013

Pola beira do Ulla...

O pasado domingo fomos dar un paseo polas beiras do río Ulla, onde puidemos desfrutar da súa vexetación de ribeira: frondosos carballos e sobreiras, bidueiros, ameneiros, sanguiños, fresnos, etc.

Camiño polo que discurría a ruta

Durante todo o camiño, fixeronnos compaña o canto dos pimpíns, ferreiriños, paporrubios, chochines...  invisibles ós nosos ollos, pero non pos nosos oídos. Tamén puidemos observar ó merlo acuático, pousandose de pedra en pedra, como apurandonos a que marcharamos dalí. 

Cruzamonos con algúns sendeiristas, que apenas se decataron da presenza de numerosas bolboretas... eiquí vos deixo algúns dos agasallos cos que nos atopamos:


Numerada (Vanessa atalanta)
Ninfa do bosque (Limenitis camilla)
Nacarada (Argynnis paphia)
Maculada (Pararge aegeria)