martes, 28 de xaneiro de 2014

O miñato branco que pasou por calzada

Na anterior entrada escribía con entusiasmo cómo durante un chuvioso paseo en bici crimos avistar unha águia calzada moi de cerca...

Os nosos ollos inexpertos e o entusiasmo enganáronnos:




Inda que a calidade das fotos é mala, dado que chovía e a rapaz non se nos deixaba acercar, varios detalles fixeronnos dubidar se realmente se trataba dunha águia calzada (Aquila pennata): O tamaño da cabeza, o non ter "calzas" nas patas e que moi preto dela se atopaba un miñato (Buteo buteo) polo que poidemos comparar patróns de comportamento e voo (ademáis de que non se enfrentaban...).

O exemplar de morfo claro era un pouco máis grande co miñato, con notables diferencias sobre todo nas ás, que se vían "máis pesadas" e cos dedos máis marcados.

Tras consultar "fontes expertas", quedounos claro que dunha águia calzada non se trataba. Agora toca resolver o misterio de se se trata dun miñato leucístico ou dunha especie ou subespecie de miñato (ssp. vulpinus, ou outras) de morfo claro procedente do NE de Europa, polo que voltaremos a visitala na procura de mellores fotos que nos aporten máis detalles:

Miñato (Buteo buteo) co morfo habitual, en Villafáfila

Unha vez correxida a cita, e o erro con esta entrada no blogue toca sacar conclusións:

- O bo de todo isto é que cometer un erro á hora de identificar un ave ensinache a fixarte nos detalles, que posiblemente non pasarán desapercibidos na seguinte ocasión
- E inda que se trate dun ave tan común coma un miñato, na que apenas ninguén toma conta dela, resúltame igual de emocionante a posibilidade de avistar un exemplar leucístico/subespecie clara...

Queda moito que aprender!!


Nota. ¡¡Grazas a Sergio París, Jorge Garzón e Encarna González polo asesoramento e explicacións!!

luns, 27 de xaneiro de 2014

De choiva, bici e calzadas

¿Quen dixo que nos días de choiva non se pode facer nada?
Sempre se pode saír a dar unha volta en bici e disfrutar das vistas:



Disfrutando das vistas dende o monte Xesteiras

Ou facer un pequena mostraxe de anfibios nunha acequia, de paso que repostamos:


Pequeno exemplar de pintafontes ou tritón ibérico (Lissotriton boscai)

E tamén, con moita moita sorte, avistar unha fermosa e branquísima águia calzada. Nunca viramos un exemplar tan preto nosa... A brétema e a poalla obrígana a voar baixo e axexar ás potenciais presas dende pousadoiros, leva varios días por aquí e seguro que en canto mellore o tempo, siga ca súa aventura:


Águia calzada (Aquila pennata ou Hieraaetus pennatus),
 pousada nun piñeiro 

Hai que sair ó campo, inda que chova!


Nota. Nesta entrada hai un erro que se correxirá na próxima...


mércores, 22 de xaneiro de 2014

Os visitantes do comedeiro

Recentemente mercamos unha cámara de fototrampeo pra facer seguementos de fauna. Antes de deixala no monte de xeito definitivo pra un estudo serio quixemos poñela a punto e probala, e qué mellor que aproveitarnos dos membros da manada!:

Nina pillada "in fraganti"
Tomás saindo dunha das habitacións da casa

Tamén probamos a poñela preto do comedeiro, e así de paso obter testemuña fotográfica dunha mostra dos visitantes que pasan polo noso xardín:

Macho de rabirrubio
Femia de rabirrubio. Esta parella é habitual no comedeiro

Paporrubio, tamén habitual do comedeiro
Grupo de pardais que aniñan no tellado, e se benefician do comedeiro

En breves comezaremo-las probas en campo...


sábado, 18 de xaneiro de 2014

Reflexións durante un paseo urbanita

No medio dun paseo urbanita, nun horrible día de chuvia tamén podes atoparte con sorpresas:


Anduriñas dos penedos (Ptyonoprogne rupestris),
aproveitando os escasos raios de sol pra quecerse

Os picafollas aproveitan as treguas do temporal pra alimentarse:

Picafollas (Phylloscopus collybita) curioseando nunha árbore
 dalgún xardín de Caldas de Reis

Pegas, estorniños, carrizos, lavandeiras brancas e amarelas.... Semella que pagou a pena o paseo!

Ó escribir esta entrada lémbrome con certo pesar das verbas de A. Sandoval Rey no seu libro "¿Para qué sirven las aves?":


"Nuestra sociedad se está quedando ciega, sorda y muda de naturaleza. Tanto, que al pasear o trabajar junto a ella la mayor parte únicamente la reconoce ya como una fuente de recursos, un lugar para pasarlo bien o simplemente un bonito entorno".

E é certo, estámonos a desnaturalizar. Estámonos a facer urbanitas, e iso nótase no noso xeito de pensar e de actuar, tamén na natureza... Comezando polas políticas educativas dos nosos gobernantes, que semella que canto máis burriños sexamos mellor (con perdón ós burros!). 

Xa hai quen lle chama trastorno por déficit de naturaleza (Richard Louv). Por exemplo, os nenos soñan e aprendense tódolos nomes (científicos!!) e as características dos dinosaurios, comprámoslle xoguetes de tiranosaurus e triceraptos pra que fagan pelexas entre eles ... Pero non saben que poderían ver dinosaurios vivos simplemente con asomarse á ventá, xa que os paporrubios, merlos, gorrións,... son os descendentes directos daqueles xigantes que Steven Spielberg levou ó cine en Jurassic Park.


Podemos facer algo pra cambiar isto?

mércores, 8 de xaneiro de 2014

A basura non volta soa...

O sendeirismo, o montañismo, btt,... en xeral, os deportes de natureza están de moda, pero non podemos esquecernos que ademáis de facer uso dela po noso divertimento, está nas nosas mans coidar o noso medio e do xeito que nos sexa posible, deixalo todo tal e coma nolo atopamos. 

Tamén pos naturalistas aficionados (que non naturistas...) que gostamos de longos paseos polo campo, observando fauna ou catalogando flora, non estamos exentos destes consellos. Pra isto, é moi importante ser conscientes de que o único de nós que pode quedar no campo son as nosas pegadas, o resto fai o camiño de volta na nosa mochila:


Quedou claro, ou?

Dentro da nosa equipaxe non debemos esquecer unha pequena bolsa de plástico pra traer de volta os envoltorios, envases, restos de comida, etc. que consumamos. Non por esconder a basura debaixo dunha pedra ou nun burato, automáticamente desaparece (inda que moitos pensen que sí...).

A eterna escusa dos residuos biodegradables... Os papeis, os restos de comida,... moitas veces se tiran ó medio da vexetación pensando de maneira equivocada que a súa orixe orgánica é unha perfecta escusa... pero non pensamos en cánto tempo tarda un papel en biodegradarse, ou nos compostos químicos cos que se clareou o papel e que leva impresos na súa composición, ou na semente dos restos de mazá que acabamos de tirar... Reflexionemos un pouco sobre o tema...

Non debemos tirar os restos orgánicos por ser biodegradables: debemos ser conscientes de que debemos deixar o medio tal e como o atopamos. Tirar restos orgánicos pode significar deixar sementes en lugares onde non deben estar nin crescer esas especies, vectores de transmisión de enfermidades, etc. ademáis de que a moitos residuos orgánicos, coma as mondas de laranxas ou as cáscaras de cacahuetes ou noces lévalles moito tempo biodegradarse (falo de anos...). 

Outra razón pola que non debemos tirar residuos orgánicos é porque non debemos alimentar, inda que sexa de maneira involuntaria, á fauna silvestre. Provocaríamos malos hábitos, troquelamento destas especies e ata poderiamos transmitirlles algunha enfermidade...


O tamaño sí importa... As cabichas deben apagarse e gardarse no compartimento que consideremos, se as tiramos ó chan ademáis de botar lixo estaremos poñendo en risco de incendio o medio. ¡E non vale con enterralas na area da praia, ou aplastalas co zapato no medio no camiño! Por moi pequenas que sexan hai que recollelas, así que fumadores non tedes escusa!!

Tamén é frecuente atoparse con pequenos envoltorios de barritas enerxéticas, caramelos, etc, nas rutas transitadas por aficionados á bici de montaña. Non custa nada face-lo xesto e metelos no bolsillo do mallot! 

Por moi pequenos que sexan estes emboltorios, non desaparecen antes!!!


E no que respecta ás nosas necesidades máis íntimas... moi importante sobre todo pras mulleres: Recollamos o clinex, ou peor aínda, a toallita hixiénica tan de moda agora, despois de face-las nosas cousas. É moi desagradable atoparse con "urinarios" en recunchos escondidos no medio das rutas de sendeirismo, o papel inda probablemente desapareza nun par de anos se a metereoloxía acompaña, pero as toallitas hixiénicas quedarán ahí moito máis tempo. Podemos gardar o papel/toallitas nun bolsillo, dentro do calcetín, ou botalo na bolsiña de plástico... E non nos poñamos finas que son restos da nosa orina e non nos vai cair a pel das mans por tocalos!!!

Xa non digo nada de deixar restos da nosa hixiene íntima coma poden ser compresas ou salva-slips... Creo que iso non ten razón pra deixalo no medio do monte, ou si?

Aplico o dito anteriormente se a necesidade é maior. Pensade que sempre se pode optar pola opción tradicional (limparse cunha folla) ou innovala á metodoloxía felina: facer un burato na terra, descargar as nosas necesidades e logo de remata-la faena tapalo todo cun pouco de terra  ;)