... E toca enche-lo comedeiro!
Está a comezar decembro, o frío é evidente e as choivas non se fan agardar. Por iso e pra axudar ás pequenas aves silvestres, que son as máis vulnerables ás inclemencias meteorolóxicas, comezo a facerlle pequenos aportes de comida ó comedeiro:
Comedeiro do xardín |
Pronto comezan a achegarse os habituais:
A parella de rabirrubios |
O sempre territorial paporrubio, facendo presenza |
As ruidosas familias de pardais que aniñan no noso tellado... |
E súmanse pimpíns, picafollas, carrizos, pegas (ás que lles descubrín un curioso xeito de apaña-la comida... ademáis de valeirarme o comedeiro deseguida!), ferreiriños, etc.
Aproveitando o frío, procuro prepararlles un bolo de manteiga de porco que conteña froitos secos e froita deshidratada, sobre todo pós ferreiriños e abelleiros que tal e coma se aprecia na fotografía tolean por este delicioso manxar:
O abelleiro, todo encaramiñado no seu bolo de frutos secos |
Está de máis dicir, que antes de montar un comedeiro pra aves hai que informarse debidamente sobre o que poden comer as aves do entorno, xa que a súa alimentación pode ser moi específica. De xeito xeral débense evitar alimentos grasos e salgados, os aditivos industriais, e se a elaboración do menú é caseira, seguro que volo agradecerán!
Tamén temos á disposición destes emplumados visitantes, caixas-niño en aluguer por un ventaxoso prezo, por se algún se decide a monta-lo seu niño no noso xardín!:
Caixa-niño en aluguer |
Un importante detalle que debemos ter en conta son as nosas mascotas: tanto o comedeiro coma as caixas niño deben situarse nun lugar alonxado dos ollos e das zarpas dos nosos lindos gatitos (e lindos perritos...), que nun intre poderían causar un lamentable destrozo a modo de paxaricidio. Nunca me cansarei de dicir que no caso de que o noso minino campee ceive hai que poñerlle axóuxere!
Ningún comentario:
Publicar un comentario