martes, 3 de decembro de 2013

O meu primeiro avistamento dun lobo ibérico...

Podo dicir que levo toda a vida agardando este momento, e 34 anos despois por fin chegou: o meu primeiro avistamento dun lobo ibérico en estado salvaxe. Levo enfeitizada con eles dende que era unha meniña, a pesares das lendas do "lobo feroz" e dos ditos: "non vaias pola volta de Trabazos que hai lobos que comen ás persoas"... 

Foi inesperado, de madrugada, apenas vin a metade do cánido... pero era un lobo sen dúbida. Quedei abraiada, sen verbas... inda hoxe revivo ese momento. Cando me din conta do que era desapareceu entre a maleza, onde seguramente o agardaba o resto da súa manda. Non puiden fotografialo, nin se me pasou pola mente, pero esa imaxe quedará por sempre grabada na miña memoria coma un momento máxico. Coma outros tantos que gardo coma agasallos da natureza que pra nada merezo...

E debe ser que ando en rolda que á semana seguinte de avistar o lobo cruceime cun lince ibérico nunha zona que "oficialmente" non é lincera (inda que sí o foi no pasado). O que fixo este encontro por un lado incrible, e por outro emocionante xa que un lince non pode confundirse con ningunha outra especie na península...

Como comprenderedes, por motivos obvios non vou dar sinais de onde os vin, só direi que no derradeiro mes viaxei bastante pola xeografía peninsular...


Lamento que nos últimos tempos se volvera á persecución contra o lobo ibérico por parte de colectivos agrogandeiros e cinexéticos, e co consentimento das administracións ávidas de votos en tempos remexidos. O caso é que tanto a actividade gandeira coma a cinexética son compatibles ca existencia de depredadores naturais, só que nós temos que por da nosa parte e na maioría dos casos é unha condición que non queremos asumir. Énos máis doado andar a tiros con eles ou exterminalos en silencio con veleno, trampas ou lazos, que traballar na convivencia.

Son pequenos tesouros polos que temos que loitar e non "alimañas" a eliminar. Porque na natureza non hai malo nin bo. Agardo que teñamos a suficiente sensatez pra conservar a estas dúas especies tan importantes po equilibrio natural coma calquera outra, e non levalas de novo ó límite da súa extinción... 

Ningún comentario:

Publicar un comentario