martes, 10 de setembro de 2013

Os meus compañeiros de andainas

Presentovos ós meus compañeiros de andainas: Nina (á esquerda) e Lucas (á dereita), que ás veces acompáñannos nas nosas corredoiras na busca de bichería.

Claro está que indo con eles as posibilidades de atopar algún vertebrado redúcense de maneira drástica, xa que espantan a todo bicho vivinte... Inda así, ás veces non podemos resistirnos a levalos con nós:


Nina e Lucas, naturalistas aficionados de catro patas

Lembrade, como donos e responsables dos nosos cans, debemos levalos preferentemente atados e ben controlados, e non debemos introducilos en zonas de especial protección (LIC, ZEPA, Rede Natura, etc.). No caso de que accedamos a un Parque Natural ou Nacional, e nos deixen levar á nosa mascota debemos respetar estrictamente as normas.

Polo xeral, solemos a pechar ós ollos e a infravalorar as molestias e os danos que as nosas mascotas poden ocasionar á fauna e a flora que nestes espazos se protexe. Tendemos a xustificar que "o noso can ten dereito a divertirse", ou que "a xente tamén deixa lixo", no que se refire ós excrementos das nosas mascotas. 

O dos excrementos ten doada solución, porque inda que estemos no campo debemos recoller as defecacións das nosas mascotas, e máis se son na praia ou no medio de rutas ou camiños. Debemos evitar as molestias ó resto dos camiñantes por un lado, e eliminar un posible foco de transmisión de enfermidades polo outro.

Pero o dos danos á fauna e a flora, costa máis entendelo (sobre todo se se trata dun can pequeno)... Ignoramos o estrés que se lle causa á fauna local simplemente ca súa presenza, porque os animais salvaxes ven á nosa mascota coma un depredador. Fainos gracia cando persegue gaivotas na praia, ou captura un lagarto no medio dunha silveira. Escusámolo: "Só está a xogar", ou louvámolo: "É bo cazador!"... 

Pero o xogo das nosas mascotas pode ser letal para moitas destas especies, e en numerosos casos (documentados), causa de extincións locais. Neste apartado incido de maneira moi entusiasta en que ademáis de controlar ós nosos cans, ollo co noso gato:


Interesante aplicación da American Bird Conservancy

Por estas e por outras moitas razóns, debemos informarnos dos danos potenciais que poden ocasionar as nosas mascotas no medio, coma responsables que somos delas. E por suposto, abandoalas non é a solución...

Non introduzamos o noso can nun espazo protexido, e no caso de que esté permitido, non o deixemos ceibe. O noso can, o noso mellor amigo, non é máis infeliz por ir atado: tan só quere disfrutar dun paseo na nosa compaña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario