venres, 9 de agosto de 2013

O despropósito da minería en Galicia

Vivimos nuns tempos nos que ca escusa da crise todo vale, escoitamos algúns con medo e outros ca esperanza de atopar traballo que se retoman plans para reabrir antigas minas de metais agora moi cotizados no mercado. O que antes non era rentable, nestes intres semella que sí o é.

Pero a qué prezo?



Canteiras de lousa nos arredores do Barco de Valdeorras
Pizarreira no lado leonés. Á esquerda comezan a restaurar a escombreira


No macizo de Pena Trevinca, coma noutras serras de Galicia, podese obervar o descalabro ambiental que causa a minería a ceo aberto da lousa (pizarra), ese fermoso material que logo adorna os tellados das vilas do Pirineo. Porque as casas do Pirineo non sempre tiveron tella de pizarra, inda que algún pense o contrario...


Escombreira no cumio dunha montaña

O peor de todo, é que en case ningunha das explotacións vense miras de restauración ambiental.

As escombreiras avanzan coma colosos glaciares ocupando cada vez máis espazo. Dende o curuto dunha montaña, ata o cauce fluvial do que antes era un río. As pistas abrense coma autopistas partindo a montaña en duas. É un estado sen lei. Semella que calquera lexislación ambiental, por moi lixeiriña que fora, eiquí non ten cabida, nin respeto, nin control:


Roda de camión tirada xunto con outros residuos nunha escombreira
que ocupa o cauce dun río

Non é estar en contra da minería nin dos postos de traballo que xera, sexa a grande escala ou a pequena, a ceo aberto ou subterránea, pois é necesaria. Pero trátase dun sector, que coma outros, recibe moitas subvencións, gran parte delas en concepto de actuacións ambientais, e non se ven eses cartos invertidos no seu fin.

Trátase de facer as cousas doutra maneira, de ser respetuosos ca montaña, de pensar nas xeracións do futuro. 
Trátase de ter conciencia ambiental.
Trátase de aproveitar un recurso sen destrozar outros. Porque a montaña pode ser gandería, aproveitamento forestal, ecoturismo...

Porque... qué nos quedará cando estas minas boten o peche?


Regato contaminado polos lixiviados da mina


Mentres, o que podería ser o gran Parque Natural de Galicia estase a consumir pola minería, que devora a montaña mentres as administracións miran cara outra parte. Avanza avalada polas súas concesións herdadas do franquismo (descoñecidas para o "pueblo llano") pero que impiden que o macizo de Pena Trevinca, a serra do Courel ou a serra dos Ancares, reciban a protección que merecen.

Lembrome dun enxeñeiro de minas, que facendo de guía nunha visita á escombreira e ó lago de As Pontes afirmaba que "restaurar as escombreiras era unha tontería, porque xa se restauran elas soas". 

Xuzgade por vós mesmos como se restauran, só co paso do tempo:


Mina de Wf abandoada nos anos 60 (minería da de antes...)

Ningún comentario:

Publicar un comentario