Amosando publicacións coa etiqueta choiva. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta choiva. Amosar todas as publicacións

luns, 27 de xaneiro de 2014

De choiva, bici e calzadas

¿Quen dixo que nos días de choiva non se pode facer nada?
Sempre se pode saír a dar unha volta en bici e disfrutar das vistas:



Disfrutando das vistas dende o monte Xesteiras

Ou facer un pequena mostraxe de anfibios nunha acequia, de paso que repostamos:


Pequeno exemplar de pintafontes ou tritón ibérico (Lissotriton boscai)

E tamén, con moita moita sorte, avistar unha fermosa e branquísima águia calzada. Nunca viramos un exemplar tan preto nosa... A brétema e a poalla obrígana a voar baixo e axexar ás potenciais presas dende pousadoiros, leva varios días por aquí e seguro que en canto mellore o tempo, siga ca súa aventura:


Águia calzada (Aquila pennata ou Hieraaetus pennatus),
 pousada nun piñeiro 

Hai que sair ó campo, inda que chova!


Nota. Nesta entrada hai un erro que se correxirá na próxima...


sábado, 18 de xaneiro de 2014

Reflexións durante un paseo urbanita

No medio dun paseo urbanita, nun horrible día de chuvia tamén podes atoparte con sorpresas:


Anduriñas dos penedos (Ptyonoprogne rupestris),
aproveitando os escasos raios de sol pra quecerse

Os picafollas aproveitan as treguas do temporal pra alimentarse:

Picafollas (Phylloscopus collybita) curioseando nunha árbore
 dalgún xardín de Caldas de Reis

Pegas, estorniños, carrizos, lavandeiras brancas e amarelas.... Semella que pagou a pena o paseo!

Ó escribir esta entrada lémbrome con certo pesar das verbas de A. Sandoval Rey no seu libro "¿Para qué sirven las aves?":


"Nuestra sociedad se está quedando ciega, sorda y muda de naturaleza. Tanto, que al pasear o trabajar junto a ella la mayor parte únicamente la reconoce ya como una fuente de recursos, un lugar para pasarlo bien o simplemente un bonito entorno".

E é certo, estámonos a desnaturalizar. Estámonos a facer urbanitas, e iso nótase no noso xeito de pensar e de actuar, tamén na natureza... Comezando polas políticas educativas dos nosos gobernantes, que semella que canto máis burriños sexamos mellor (con perdón ós burros!). 

Xa hai quen lle chama trastorno por déficit de naturaleza (Richard Louv). Por exemplo, os nenos soñan e aprendense tódolos nomes (científicos!!) e as características dos dinosaurios, comprámoslle xoguetes de tiranosaurus e triceraptos pra que fagan pelexas entre eles ... Pero non saben que poderían ver dinosaurios vivos simplemente con asomarse á ventá, xa que os paporrubios, merlos, gorrións,... son os descendentes directos daqueles xigantes que Steven Spielberg levou ó cine en Jurassic Park.


Podemos facer algo pra cambiar isto?