luns, 13 de xuño de 2016

Tempo de lobas

Inda que o título da entrada poida levar a engano, non se trata da femia do cánido, senón da emerxencia dun dos lepidópteros máis abundantes nos transectos que facemos para o programa de seguimento de bolboretas diúrnas tanto en Caldas de Reis coma na Illa de Cortegada. Por estas datas, é tempo de Lobas:


La Loba (Maniola jurtina) pousada nunha flor

Esta tempada levamos poucas saídas oficiais e inda que as bolboretas galegas están afeitas, a primaveira veu moi inestable e chuviosa o que pode que afectara ó seu ciclo de vida.

Tanto no transecto de Cortegada coma en Caldas de Reis comezamos as visitas no mes de marzo, en canto a metereoloxía nos deixou inaugurar a tempada:

Vista do NE da Illa de Cortegada, co lado N da ría de Arousa ó fondo
Parella de gaivotas patiamarelas a tóma-lo sol

Visitar a illa de Cortegada é un luxo, os paseos polos piñeirais e pequenos bosquetes de cerquiños e loureiros axudan a disfrutar da illa nos días calurosos, sempre acompañados por unha suave brisa mariña.

Pouco a pouco, a primaveira foise asentando na illa:


As flores son magníficos lugares para encontros
sexuais, como ben aproveitan estes chinches 
As xaras dan comezo á súa floración

Tamén en Caldas de Reis, a primaveira fai por fin a súa presenza


Pequeno narciso, florecendo á beira do camiño de Santiago ó paso dos
pelegríns, que non dan conta da súa beleza...
Nos campos de sega do transecto comezan a
florecer as orquídeas, como esta
Orchis mascula, que sobresae no medio
das herbas
Pequena Serapias agochada no medio da vexetación

E xunto cas flores, o bulir da vida ó seu arredor:


Esfinxe abellón (esfinge abejorro, Hemaris fuciformis) libando nas
flores de Echium, moi abundantes no entorno das casetas
da illa de Cortegada. Premendo sobre a foto, pódese
ver como a esfinxe agarra cas patiñas a flor pra introducirse nela
Euphydryas aurinia libando nunha margarita
 dos campos de sega de Caldas

No que levamos de tempada levamos feitas 3 visitas a Cortegada e 4 a Caldas de Reis, acadando un bo número de exemplares de Pieris rapaePieris napiManiola jurtina e Euphydryas aurinia. Xa comezamos a ver os primeiros Thymelicus acteon en Cortegada, e a primeira xeración de Melitaea deione en Caldas de Reis.

Achego un pequeno resumo fotográfico dalguhas das bolboretas que nos atopamos:


Pieris brassicae ou blanca da col, no transecto de Caldas de Reis
A illa de Cortegada conta cun bo continxente de Euphydryas aurinia,
que emerxe nos primeiros días de calor. Esta especie inclúese
na Directiva Hábitats, polo tanto trátase dunha especie protexida
Unha territorial Pararge aegeria, raíña dos espazos de luces e sombras,
dona dun anaco da senda que percorre o centro da illa de Cortegada
Celastrina argiolus, aproveitando a auga dos charcos que deixaron
no camiño os derradeiros chaparróns (Caldas de Reis)
Melitaea phoebe, libando nun cardo. As flores de cardo
son un dos mellores restaurantes para os insectos
Polyommatus icarus ou ícaro de 2 puntos, exemplar macho
nas pradeiras das casetas de Cortegada
Aglais io, a toda cor. Caldas de Reis
Colias croceus, exemplar femia do morfo hélice, dos cales acadamos un
bo número a fin de tempada en Caldas de Reis
Na data na que escribo esta entrada é Tempo de "Lobas" .
A loba (Maniola jurtina) é sen dúbida, a especie dominante
 xunto cas Pieris nos recontos en Caldas de Reis. 
É casi imposible collelas cas ás abertas, 
neste caso pódese diferenciar que se trata dun macho
Glaucopsyche melanops, casi invisible no medio das herbas dos prados
de sega de Caldas de Reis Non deixa de preocuparnos o baixo
número de licénidos que acadamos tódalas tempadas, e especialmente

no comezo desta..

Como comentamos enriba, a Euphydryas aurinia é unha especie incluida na Directiva Hábitats e polo tanto, unha especie protexida. Estudos recentes alertan da diminución das súas poboacións en toda Europa, pero por sorte na península e especialmente en Galicia contamos con boas poboacións desta bolboreta. Tanto no transecto de Caldas de Reis coma este ano na illa de Cortegada, estamos a acadar un bo número de exemplares:


Cópula de Euphydryas aurinia (Caldas de Reis)
Exemplar de Euphydryas aurinia da illa de Cortegada, na súa
pose típica, sempre a piques do despego.
Trátase dunha bolboreta moi territorial, que
defende con valentía o seu fogar de calquera intruso
Outro exemplar de Euphydrias aurinia de Cortegada. Podemos afirmar
que a primaveira está eiquí cando vemos a estas fermosas bolboretas
percorrer ó voo as pradeiras durante os nosos paseos

Sempre, nas nosas saídas aproveitamos pra dar conta de tódalas especies que vemos ou escoitamos, e se podemos e se deixan facemos constancia cunha foto delas: a xa "famosa" lontra de Cortegada ou tal e coma mostramos máis arriba outros insectos coma chinches, abillóns ou as inquedas esfinxes; aves como as sempre presentes gaivotas patiamarelas, o picapeixe ou o azor de Cortegada, a parella de miñatos que aniña no transecto de Caldas de Reis ou os papamoscas cerrojillos en paso migratorio no mes de setembro,...


Pequena rá, á sombra nas beiras do río Bermaña (Caldas de Reis)
Os corvos, sempre en parella, á busca do xantar nas pradeiras
de Caldas de Reis
Zygaena trifolii, delatada polos seus puntos vermellos, no medio
das herbas dos prados de Caldas de Reis
Lavandeira branca (Motacilla alba), á procura do xantar 
nun prado recén segado (Caldas de Reis)
Parella de libeliñas dando conta da vindeira xeración (Caldas de Reis)

Unha tendencia que nos preocupa é o baixo número de licénidos que acadamos a fin de tempada nos anos que levamos feito o transecto (a excepción das numerosísimas Leptotes pirithous, que aparecen xa ben entrado o verán). Ó principio pensamos que sería a nosa inexperiencia (cousa que segue patente) pero co paso dos anos, aprendendo tempada a tempada e facendo uso dunha manga entomolóxica seguimos a comprobar que a pesares de ter máis maña na súa identificación, o número de exemplares segue a ser pequeno.

En canto mellore a meteoroloxía voltaremos a saír ó campo.





Ningún comentario:

Publicar un comentario